RESULTADO DO CONCURSO DE SAMAÍN

 O resultado do concurso de relatos curtos deste Samaín 2021 foi otorgado a un alumno de 1º ESO e unha alumna de 2º ESO ex aequo

Así de alegres estaban o/as artistas







Ambos textos gustaron moito ao xurado. Aquí os tedes para que vós tamén os poidades ler.


Brais Conde (1º ESO B)



A LENDA DO BURATO DOS MOUROS

María era unha nena de Bóveda, un pequeno pobo ao pé do Monte do Castelo. Bóveda era unha aldea fermosa e acolledora, chea de xente, case toda labrega. María tiña 8 anos e era unha nena intelixente e curiosa, á que lle gustaba ler e xogar cos seus irmáns.

Un día, a súa nai mandouna ao Monte do Castelo a gardar as vacas. María estaba soa e aburrida. Para pasar o tempo buscou unhas pedras para xogar ás casiñas. Colleu pedras grandes e outras máis pequenas e de todas as cores. Entón, viu uns obxectos brilantes. Achegouse intrigada. Entre as herbas e os caxatos, alí estaban unhas taciñas que parecían de ouro. María alegrouse moitísimo, pero pensou: “terán dono?”  Non sabía se collelas ou deixalas e xa se estaba a facer de noite. Voltou a correr para a casa e ao contarlle aos seus irmáns o que atopara, todos pensaron que estaba a contar unha mentira.

Polo que, ao día seguinte, María voltou ao monte para coller as taciñas e levalas para a casa.

Pero esa noite María non voltou. Preocupados, os seus pais, irmáns e veciños foron buscala. Chamaban: María!! María!! Entón, oíron unhas voces que saín das profundidades do monte, dunha cova á que chamaban o Burato dos Mouros. As voces dicían: “María, maría, aceite rixado na miña barriga!!!!” E nunca atoparon a pequena María.

Din as lendas que algunhas noites aínda se oen esas voces, as dos antigos habitantes do Castelo…


Uxía Figueiredo (2º ESO D)



Contan nas aldeas, os máis vellos, que moito antes de que en Galiza se empezara a festexar o Samaín, o frío, o vento, a escuridade e todo o malo que vos podiades imaxinar se xuntou nun 31 de novembro dun ano afastado e descoñecido. 

Aquel día era un coma outro calquera. Unha campesiña volvía á súa casa despois dun longo día de traballo no campo. Rondaban as oito da tarde, as rúas estaban baleiras, nas casas as persoas xa se preparaban para cear, e o sol empezaba a agocharse entre as montañas de cumes nevados. A labrega andaba de forma despreocupada. Un agarimo de vento xélido fixo que se distraera a causa do calafrío que lle causou, e cando ergueu a vista atopouse cunha sombra ao lonxe. A medida que se acercaba a figura adoitaba forma humana, en concreto dun home de baixa estatura. Cando a campesiña pasou polo lado do estraño, sentiu que este a agarraba por un brazo. A aldeá xirouse, abraiada, ata acabar de fronte co descoñecido. A muller fixouse no rostro do home, nos seus trazos tan peculiares e exóticos, e na súa diminuta altura. Aquel ser aterrábaa. O forasteiro explicoulle á labrega que era un comerciante que se perdera, e pediulle que o guiara ata a vila da contorna. A boa muller dubidou, pero finalmente aceptou a súa proposta. Pobre inocente; ela non sabía que a súa bondade sería a súa perdición. Mentres se adentraban no monte, a campesiña cegada pola súa ignorancia, non viu o coitelo que o seu acompañante levaba agochado no abrigo. O único que puido facer a muller foi soltar un pequeno berro de susto ao notar o frío do ferro cravarse na súas costas. 

Dende entón, ninguén máis volveu ver a aldeá. Toda a contorna quedou atrozmente asustada, e en busca de respostas, nomearon culpable ao sacauntos. Todas as persoas xa oíran falar del, pero crían que só era unha lenda para asustar os rapaces cando se portaban mal e contar polas noites cando se reunían para falar. E foi así como a xente entendeu que moitas veces as lendas viven, e  están entre nós.


Noraboa ao gañador e á gañadora!! Grazas a tod@s por participar.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

ROSALÍA NA TÚA MAN

SCAPE ROOM DÍA DE ROSALÍA PARA FACER NO IES

AS OBRAS DE TEATRO DO ENTROIDO