CANTAREIRA: MATILDE DE SAN PEDRO DE LAROÁ

Nesta entrada do noso blog deixamos as cantiga recollida spor Hugo de 2º da ESO, que foi visitar á señora Matilde na súa casa museo en San Pedro de Laroá e viñeron fascinados pola súa sabedoría e xenerosidade.

Son unhas cantigas ben especiais que deixamos para que poidades escoitar e cantar.

NANA escrita pola cantareira e corista 

LETRA

I o meu meniño ten sono
e non se quere durmir,
cérranselle os olliños
e xa nonos pode abrire.
Durme meu meniño durme,
que túa mai logho vén-e
que foi lava-los cueiros
ó regheiro de Reghene.
Durme anxiño do ceo,
que te quero ver durmire
cuises olliños abertos
pareces un querubín-e.
Durme meu carrapuchiño
túa nai ten que faghere;
teño que fia-lo liño,
ir lavare e cosere.
Cala meu meniño cala
cala deixa de chorare,
que túa nai logo chega
que xa acabou de lavare.
Por fin cerrach´os olliños,
estabas moi cansadiño.
descansa meu corazón
e soña cos teus anxiños.


DESAFÍO



LETRA COMPLETA

Ei vos vai o desafío
mozas do pano marelo.
Hei vos vai o desafío
pola punta do coitelo.
Ei vos vai o desafío
por a punta do coitelo.
---------------------------
-Si queredes desafío
pola punta da navalla.
Si queredes desafío
por a punta da navalla,
si queredes desafío
vinde acá caras lavadas.
Si queredes desafío
vinde acá caras lavadas.
-Xa sei que xente con xente
está moi divinamente,
por eso eu precurei
non te-los porcos ca xente.
por eso eu precurei
non te-los porcos ca xente.
Eso da xente presuma
que por min nono dirás.
A xente sempre foi xente
e os cans sempre foron cas.
A xente sempre foi xente
e os cans sempre foron cas.
Con istes cas amiguiño
non has de ir ó cazadeiro,
nin tes pernas pra seguilo
nin es no tiro certeiro.
nin tes pernas pra seguilo
nin es no tiro certeiro.
Xa que falaches dos tiros
cando te queiras dar conta.
Hanse de chegar a ti
máis pronto que canta un conto.
Hanse de chegar a ti
máis pronto que conta un conto.
Aquí se acaba o conto
do famoso desafío,
pois as mozas e os mozos
quixeron quedar por riba,
pois os mozas e as mozas
quixeron quedar por riba.

CANTAR DA SEITURA



LETRA COMPLETA

I a seitura vai no cabo
ai i o cabo na cabeceira.
I a seitura vai no cabo,
i o meu amor na ribeira.
Hei de ir á túa seitura
ai, hei de ir á túa segada.
Hei de ir á túa seitura,
camiñaba e acababa.
Seitura miña seitura
ai seitura sin descanso.
Cuando a seitura remate
o meu amor xa vai canso.


CÁLATE, VAITE CALANDO



Cálate, vaite calando

cara de tupurutú.

Fuches durmir ó palleiro

levas as pallas no cu.

------------------

Costureiriña bonita,

onde te-la túa cama?

Está poleiro das pitas

nunha presiña de palla.

-------------------

Unha vella veu dun pueblo

non lle gustaba o touciño,

e como é un porco enteiro,

desde o rabo hasta o fuciño.

----------------

Un vello e mais unha vella

fixeron unha trastada;

empezaron a brincare

e quedaron na estacada.


HEIME DE CASAR


LETRA COMPLETA

Heime de casar cun vello

que teña un bo forrollo

pra despois pasalo ben

que espero que as toque pronto.

Cálate xa deslenguada

non tes vergonza ningunha

Ben te vin na corredoira

que ibas detrás do cura.

Cando vas ó fiadeiro

pois os mellores refaixos.

Si bailas a muiñeira

por si che se ven os baixos.

I´aquiles que andan no baile

ambos dous parecen ben

ela parece unha cesta

i´el parece un caravel.

I´aquiles que andan no baile

ambos os dous parecen ben.

Ela parece unha rosa

i´el parece un caravel.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Recollidada de Cantigas Populares da Limia

SAMAÍN

SCAPE ROOM DÍA DE ROSALÍA PARA FACER NO IES