Este 2025 as Letras Galegas foron dedicadas ás cantareiras e pandereteiras para visibilizar o papel da muller como transmisora do noso patrimonio inmaterial entre outros motivos.
Sen dúbida a música tradi está máis de moda ca nunca entre os artistas galegos de hoxe, non só as Tanxugueiras, Fillas de Casandra ou Xabier Díaz, senón tamén artistas coma os que visitaron o noso centro, por exemplo: Xisco Feijoo ou Mondra, manteñen viva a nosa tradición adaptándoa cada un dun xeito singular e único.
No noso IES son moitos os alumnos/as que se dedican no seu tempo de lecer a cantar ou tocar, xa que a Vila conta con conservatorio e escola de gaitas como dous dos varios axentes dinamizadores da cultura na vila.
As nosas pandereteiras, dende as pequenas de 1º ESO ata as rapazas de Bacharelato: Mencía, Nía, Aldara, Naila, Daniela, Antías, Sandra, Iria e Estela foron as protagonistas da Foliada das Letras tocando e interpretando na praza Maior de Xinzo de Limia as cantigas que recolleu o alumnado do centro ao longo deste curso académico.

Per temos que dicir que houbo máis protagonistas. Por un lado a nosa cantareira e informante máis xenerosa, porque nos abriu as portas da súa casa: Mati de San Pedro de Laroá. Non dubidou en vir cantar coas rapazas e ensinarlles o seu xeito, xa que para ela as rapazas cantan difetente. Foi unha experiencia enriquecedora para todas.
E por outro lado, o noso público máis aplicado e agradecido que fixo que as cantareiras non pararan nunha hora de botar as súas mellores pezas: os maiores do centro de día da vila, que tamén tiñan as súas cancións preparadas e botaron algunha peza.
Pero non me podo esquecer de outros protagonistas e motores da actividade: o primeiro de todos, Horacio, o noso compañeiro de plástica, que foi o encargado de imprimir e recortar xunto co seu alumnado e o alumnado de Noe do IES Cidade de Antioquía as letras e QR das cantigas que se pegaron pola vila. Sen ese traballo previo non sería igual a actividade.
Grazas tamén ao Concello de Xinzo de Limia e o concelleiro de cultura Carlos, que nos abriu as portas do seu despacho e se sentou a escoitarnos e colaboraron economicamente para que saíra adiante a actividade coma outros anos.
Graza aos gueiteiros e alumnado do Cidade, ás súas profes Noe e a PT e tamén a toda a xente que nos deixou poñer as letras das cantigas nos seus locais e memso lle botou unha peza connosco. E por suposto aos medios que viñeron dar conta da noticia e os viandantes que se detiveron un anaquiño a escoitar.
Comentarios
Publicar un comentario